Afiador da realidade. Caxade
Martes Xuño 02nd 2015,
Filed under: Música

Alonso Caxade, ligado á música desde cativo, compartiu proxectos con músicos de estilos moi diversos até que comezou o seu traballo máis persoal no ano 2012 con Caxade.

Nese ano viu a luz o seu primeiro videoclip  Dança dos Moscas. Logo virían Gente Pota e Sr. Xorda.

En novembro de 2013 editou, no selo cooperativo “Discos da Máquina”, o seu primeiro traballo discográfico A Dança dos Moscas coa banda formada por Manu Paino (trompeta e carillón), Manu Espinho (bombardino), Xosé Tunhas (batería) e o proprio Alonso Caxade (voz e acordeón).

A Dança dos Moscas esgotou nun só mes a súa primeira tirada e conseguiu o aplauso da crítica e do público. Converteuse na grande revelación da tempada e valeulle a Alonso Caxade ser escollido o mellor artista nos Premios Opinión 2014, entre outras moitas nominacións e premios.

A música de Caxade é, segundo se recolle na súa web, “folk-pop cum arrecendo a música minimalista e a sons bucólico-pastorís da velha Europa. Música elegante, modesta e singela, surrealismo pós-modernista e discurso reivindicativo, metafórico e irónico”.

Eis unha actuación de Caxade en Atardecer no Gaiás, o 13 de xullo de 2013, pouco antes de que se editase o seu primeiro disco:


Vídeo realizado por Edición Rusa para a Cidade da Cultura de Galicia.

Fonte: Caxade