“Terra” dos Dakidarría en lingua de signos
Mércores Xuño 25th 2014,
Filed under: Música,Videocampaña

Grazas ao EDLG do IES de Chapela (Redondela), podemos gozar deste videoclip no que o tema TERRA, dos DAKIDARRÍA, é levado á lingua de signos .

TERRA é un canto de amor a Galiza, ás súas aldeas, barrios, vilas e cidades, ao seu mar e ao seu campo… á Terra. O canto ceibe dun pobo que chama a mocidade activa a berrar e a facer camiño. Unha música que como o vento rebelde que vén de lonxe, clama por unha sociedade aberta que saiba ESCOITAR, APRENDER e COMPARTIR. Foi este o lema que engaiolou á comunidade educativa do IES Chapela e que conseguiu xuntar as enerxías do IES Audiovisual de Vigo no proxecto “Escoitando a Terra”, seleccionado neste curso como “excelente” pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Cando un grupo de alumnas e alumnos do IES Chapela propuxo ao EDLG do Centro a realización dun videoclip en Lingua de Signos, todo confluíu. A música, Galiza, a lingua galega, os dereitos das persoas xordas. TERRA pretende achegar á mocidade de Chapela e da comarca de Vigo unha lingua que día a día perde falantes entre a xente nova, mais tamén quere visibilizar a realidade dun sector da poboación que non oe, pero que escoita, e sobre todo quere ser escoitado. Na defensa da nosa lingua, por unha sociedade que teña en conta as nosas diferenzas en busca da igualdade, aquí está TERRA.

Na gravación implicáronse activamente máis de 250 persoas. Son alumnado, profesorado, persoal non docente, nais e pais… que quixeron neste VIDEOCLIP apoiar os dereitos das persoas xordas e dar alento a unha lingua, a galega, que hoxe e no futuro… precisa de nós.

FONTE: Canle de YouTube do EDLG A Chapela